Saturday 04 de May de 2024

Celebrado o primeiro pleno ordinario do mandato 2023-2027


Aprobouse unha moción para instar á Consellería de Educación a estudar melloras para o IES Agra de Leborís relacionadas cos espazos, o profesorado e a implantación de ciclos formativos.

Hoxe celebrouse o primeiro Pleno ordinario do novo mandato. En primeiro lugar, tal e como é habitual nas sesións ordinarias, gardouse un minuto de silencio en sinal de respecto ás mulleres vítimas da violencia de xénero.

A continuación, como asuntos de trámite, deuse conta das 269 resolucións de Alcaldía ditaminadas entre o 26 de maio e o 27 de xullo e, sen votos en contra, aprobáronse as actas das sesións anteriores e a corrección de erros no recoñecemento de dedicacións acordado no Pleno de organización da Corporación.

Tamén foron fixados os festivos locais para o ano 2024, que serán o Martes de Entroido (13 de febreiro) e o venres 16 de agosto, coincidindo coas festas patronais da Laracha. Non se propuxo como festivo a data habitual do 8 de setembro (día da Romaría dos Milagres de Caión) ao coincidir en domingo.

Por último, aprobouse por unanimidade dos tres grupos municipais unha moción na que se insta á Consellería de Educación a estudar para o IES Agra de Leborís a ampliación de espazos educativos, o reforzo no número de profesores -incluíndo un mestre de Pedagoxía Terapéutica- e a implantación de ciclos formativos básico, medio, superior e duais.